Saturday 18 de May de 2024

O Goberno central segue condenando á cidadanía os colapsos circulatorios insoportables nos accesos á Coruña


Esta mañá viviuse o enésimo colapso circulatorio nos accesos da Coruña por un accidente entre 9 coches en Alfonso Molina, agravado por unha avaría doutro vehículo na praza de Ourense. Máis de 2 horas de retencións insoportables para toda a cidadanía que pretendía entrar na Coruña.

Unha vez máis, o sucedido pon de manifesto a urxente necesidade de que o Ministerio realice as obras de ampliación de Alfonso Molina e a ponte da Pasaxe. Ambas actuacións deberían comezar no verán de 2023, tan pronto como finalizase o túnel de Sol y Mar, pero ata o momento non hai nin os proxectos nin os cartos necesarios consignados. É dicir, polo momento, o Goberno de Madrid non ten intención ningunha de facer estas obras.

Ante esta grave situación que afecta ao conxunto da cidadanía de Oleiros e de toda a comarca da Coruña, o Goberno municipal continuará reclamando por todos os medios que o Ministerio amplíe Alfonso Molina e a ponte da Pasaxe. “Nós imos seguir insistindo no Ministerio, imos facer campañas, colocar carteis… e creo que tamén debemos facer unha concentración de protesta que tería que ser masiva. Temo que a xente non participe, os alcaldes do PSOE non se mollen moito neste tema para non molestar ao seu partido, pero creo que é necesario saír a denunciar isto que nos están facendo porque non ten nome”, comentou o alcalde.